sábado, 9 de enero de 2010

Unha fin de semana en Lisboa

Relativamente cerca, e ben comunicada por autoestrada, está a cidade de Lisboa. Tomando A Coruña como punto de partida, levaranos arredor de cinco horas chegar alí. Lisboa é unha cidade para ver con calma pero tamén unha boa opción para pasar unha fin de semana interesante.
Reza o dito portugés "quem não foi a Lisboa não viu coisa boa", por algo será. Tratase dunha cidade de contrastes, cosmopolita, onde conviven en harmonía o moderno co enxebre, o luxo co decadente. As súas rúas son un contínuo fervedoiro de xentes de moi diversa procedencia. A cidade divídese en barrios, sendo os máis importantes: A Baixa, Chiado e Barrio Alto, A Alfama e Belem.


Accederemos á Lisboa antiga a través da Avenida da Liberdade, a arteria máis importante da cidade que cos seus 90 metros de ancho vai dende a Praza do Marqués de Pombal á Praza dos Restauradores

Precisamente a configuración da Avenida da Liberdade e do Barrio Baixo débese ó Marqués de Pombal.

Lisboa quedou practicamente arrasada por mor dun terremoto ocurrido no ano 1755 e este persoeiro foi o artífice da súa reconstrucción, con rúas xeométricas, e espaciosas prazas e avenidas. Na Avenida da Liberdade ubícanse luxosas tendas, restaurantes, hoteis, e institucións como o instituto Camoes ou a enbaixada de España. Ó fondo desta avenida atopamos a Praza dos Restauradores, que debe o seu nome ós que no seu día se rebelaron contra a dominación española de Portugal. Ó lado está a Praza do Rossio, unha das máis antigas de Lisboa e que xa existía antes do terremoto.



Esta é a parte máis comercial de Lisboa, onde se encontran tamén os edificios máis característicos, co seu recubrimento de azulexo.

Rúa Augusta



Camiñando ó longo da rúa Augusta, unha vez que traspasamos o arco que a pecha, chegamos a desembocadora do río Texo, aínda que pola inmensidade que aparenta parecerá que o que vemos é o mar.


Dende a Baixa, podemos continuar pola Alfama, barrio humilde e de aspecto lúgubre, tradicionalmente habitado por pescadores e que está coroado no seu cume polo Castelo de San Jorge. Tratase dun bárrio de rúas estreitas e empinadas, non apto para percorrer en coche xa que as dimensións destas non permiten tal, a pesares do esforzo, as vistas da cidade dende o castelo pagan a pena.

Ó outro lado da Alfama está o Barrio Alto, este xa máis elegante, é lugar de ocio, de escoitar fados e de disfrutar da gastronomía portugesa.

No tocante á gastronomía, dicir que como na casa en ningún sitio, Lisboa no é un bo sitio para comer, polo menos dende o meu punto de vista, non é barato e case sempre o resultado non é o esperado. Polo menos no meu caso, despois de varios intentos a mellor opción, foi acudir ós bocadillos.

Xa máis apartado do centro, está o barrio de Belem. En tempos foi unha poboación independiente pero o crecemento da cidade fixo que se acabara integrando no conxunto. Neste lugar poderemos encontrar gran parte dos monumentos emblema da cidade, tales como a Torre de Belem, o Mosteiro dos Jeronimos, o monumento ós descubridores ou o Palacio da Ajuda. A mellor opción para chegar é o autobús ou o tranvía, xa que a distancia é grande para percorrela camiñando.

A Torre de Belem, noutrora plataforma defensiva fronte a posibles ataques da cidade por mar, é testigo dunha época de explendor, cando dende ela partían os navíos portugueses á conquista de novos territorios.






Precisamente, a escasos metros desta torre, levantase o monumento en memoria dos decubridores portugueses.








Do mesmo estilo que a Torre de Belem é o Mosteiro dos Jerónimos, que se mandou construir á volta da viaxe das Indias do navegante Vasco da Gama, e onde agora descansan os seus restos.

Por último, e non por iso menos importante, faltamos visitar o Palacio da Ajuda, a derradeira residencia dos monarcas portugueses. Tratase dun edificio inacabado pero que deixa constancia da suntuosidade coa que vivían os seus moradores. Pódese visitar por dentro e ver as diferentes estancias da residencia real tal é como eran cando alí moraban.

Este lugar conta cunha importante biblioteca, nela gardase unha das xoias da lírica galego-portuguesa como é o Cancioneiro de Ajuda.


jueves, 17 de diciembre de 2009

As Torres de Altamira




Como atentos vixías, dende o alto do Val da Maía viron pasar con vagar varios séculos as que se coñecen como Torres de Altamira. Varias construccións coroaron o outeiro no que estas se asentan. Ata restros dun poboado castrexo foron atopados no lugar. Non é de estrañar, xa que o lugar conta cun emprazamento extratexico desde onde se domina un vasto territorio.
As primitivas torres levantáronse no século noveno. Poucos anos despois, por loitas internas da nobreza da época, o castelo primitivo foi arrasado por un tal Gonzalo de Moscoso. Tardou en volver a reconstruirse xa que existía unha orde que non permitía a construción de fortalezas na zona de Compostela sen a autorización expresa do Arcebispo. Mais esta nova construción foi efímera, pronto volveu caer, desta vez de man dos irmandiños. Foi definitivamente reedificada no ano 1471 aínda que a fortaleza foi posteriormente aumentada e reformada para paliar as consecuencias do paso do tempo, as ultimas obras das que hai constancia documental levaronse a cabo no ano 1629.





Foi a casa matriz dunha das familias máis notorias de Galicia durante a idade media, Os Moscoso, nesta familia recaía o título nobiliario dos Condes de Altamira.

A partir do século XVII, os condes deixaron de habitar a fortaleza, probablemente por xa non ser necesario emprazar a residencia nun lugar defensivo ó vivirense tempos de paz. A nova residencia situaríase no pazo de Trasouteiro, a un quilómetro escaso do lugar.

Este feito, xunto con algún probable incendio posterior, acelerou o proceso de ruína.




Xa no século XVIII, os condes marchan da zona e trasladanse definitivamente á Corte. As ruinas son vendidas no ano 1872 a un indiano que fixera fortuna en América. A partir desta data, o lugar sirve de canteira, primeiro para construir unha casa o seu comprador, e máis tarde para a igrexa parroquial e a capela de Santa Mínia. Séguese a sacar pedra do lugar no ano 1917, cando xa pouco quedaba do magnífico pazo, da capela dos Reis Magos e das seis torres que había orixinariamente; do que probablemente foi a fortaleza máis importante da idade media na provincia da Coruña.



COMO CHEGAR

As ruínas emprázanse no concello de Brión, a escasos 15 quilómetros de Santiago.

Vindo dende Santiago, farémolo pola nova autovía Santiago - Noia, colleremos a saída de Brión e despois a estrada AC 451 en dirección a Pedrouzos, a capital municipal. Ó pasar Pedrouzos, deixando a capela de Santa Minia a nosa dereita, despois duns douscentos metros costa arriba, aparece o indicador da pista que nos leva ó monumento.



lunes, 14 de diciembre de 2009

O Monte Pindo


Un dos recunchos máxicos de Galicia, onde o mar bica á montaña dando lugar a unha magnífica praia, é o monte Pindo.
A maxia deste lugar remóntase a tempo dos celtas, foi sitio de rituais druídas, sendo os propios celtas, sengundo a lenda, os encargados de dar forma as caprichosas figuras das inmensas moles graníticas que alí hai.
É este por tanto, o olimpo celta de Galicia, como tamén é olimpo dos deuses gregos a cordilleira do Pindo de Grecia. Dise que o nome do monte galego se debe a similitude que garda co homónimo grego.

Pegadas de distintas civilizacións que por alí pasaron foron quedando espalladas por distintas partes do monte. Nalgunhas pedras pódense ver restos de petroglifos.
Innegable é a cuestión de que o lugar acolleu ritos pagáns. Dise que en tempos do Imperio Romano neste monte facíanse ritos de fertilidade, algo que aínda se practica na actualidade, ó igual que na praia da Lanzada.

Deixa constancia da práctica destes ritos pagáns unha inscrición borrosa que se conserva nunha ruina dun castelo e que fala dunha excomuñón.












En tempos un poco máis recentes, o Bispo Sisnando mandou levantar un Castelo nunha das ladeiras do monte para potexer o territorio contra os ataques dos piratas medievais, esta fortaleza foi un dos obxetivos dos ataques irmandiños e hoxe tan só quedan no lugar unha morea de pedras. Distintos historiadores afirman que se poderían contabilizar ata outras tres fortalezas no monte.


Xa en tempos dos nosos avós, durante a Guerra Civil, este monte dou acubillo a fuxidos do bando republicano.





Sobre estas liñas está a imaxe da pena chamada O Guerreiro











O monte acada unha altitude máxima de 627 metros no punto chamado A Moa. Abarca unha extensión de 4629 hectáreas e forma parte da Rede Natura 2000.
Desde o cúmio, as vistas son impresionantes, divísase a comarca de Muros ó completo e a magnífica praia de Carnota, unha das máis extensas de Galicia



A Moa



Praia de Carnota

miércoles, 9 de diciembre de 2009

A REGULACIÓN LEGAL DAS VACACIÓNS



As vacacións son un dereito recoñecido pola nosa Carta Magna no seu artígo 40.2, que reza da seguinte maneira:
2. Ademáis, os poderes públicos fomentarán unha política que garanta a formación e readaptación profesionais, mirarán pola seguridade e hixiene no traballo e garantirán o descanso necesario, mediante a limitación da xornada laboral, as vacacións periódicas retribuidas e a promoción de centros adecuados.

O desenvolvemento deste dereito constitucional levouse a cabo no artigo 38 do Estatuto dos traballadores (Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo). Nesta norma establécense uns mínimos anuais que poderán ser mellorados polos traballadores mediante convenio colectivo ou cun pacto individual entre estes e o empresario que se reflictiría no contrato de traballo. En todo caso, este dereito de vacacións é insustituible por compensación económica e terá unha duración mínima de 30 días naturais. Sempre que se respete esta duración mínima, nos convenios colectivos poderán establecerse outros sistemas de cómputo, como un certo número de días hábiles, etc.
Os periodos de disfrute deberán ser establecidos de común acordo entre o traballador e o empresario, esta materia adoita regularse nos convenios colecivos, onde se establece xeralmente o período ou períodos de tempo nos que se dividen as vacacións anuais. En caso de non existir tal regulación e non haber acordo entre traballador e empresario á hora de fixar os períodos de disfrute, será a xurisdición competente a que fixe tal período despois dun procedemento sumario e cuxa resolución resultará irrecurrible.

As vacacións fixaranse en cada empresa, como mínimo, cunha antelación de dous meses.

O período de vacacións, como norma xeral, é irrecuperable en caso de que se produza unha incapacidade neste tempo, salvo que esta incapacidade se deba a embarazo, parto ou lactancia. Tamén se poden establecer nos convenios outras situacións que interrumpen as vacacións, quedando pendentes de disfrute aqueles días nos que o traballador ou traballadora estivera en situación de incapacidade temporal.

lunes, 23 de noviembre de 2009

A Ponte Maceira




A Ponte Maceira é unha pequena aldea da parroquia de Portor en Negreira, recibe o seu nome da ponte que hai no lugar e que comunica o concello de Negreira co de Ames.
O lugar posúe unha gran beleza paisaxística, tanto o propio curso do río Tambre coma o conxunto de construccións que rodean a ponte.

No lugar pódense ver excelentes mostras da arquitectura popular galega como casas señoriais, muiños, unha capela e un pazo.



COMO CHEGAR


Para chegar o mellor é ir desde Santiago pola estrada de Noia (AC-543), e despois en Bertamiráns (Ames) coller a estrada a Negreira (AC-544), e logo desviarnos cando indique "Ponte Maceira". Senón tamén podemos vir pola nova autovía Santiago-Noia, e coller a saída de Negreira.















O CAMIÑO


Por enriba desta ponte pasa o último tramo do camiño francés, o que vai dende Compostela ata Fisterra. Camiño que percorren os peregrinos para ver o que, noutro tempo, foron os confins do mundo. De feito a construcción desta ponte débese á petición da Mitra Compostelana no século XIV. A ponte é medieval, aínda que se construíu sobre unha base romana doutra ponte anterior, no entanto é común escoitar dicir que a ponte pertence á época romana




Estreitamente ligado coa historia desta ponte está o escudo do Concello de Negreira, aínda que existen dúbidas de que sexa esta a ponte que se representa no escudo, senón unha xa desaparecida que tamén cruzaba o Tambre, pero noutra parróquia de Negreira. O escudo mostra un soldado romano que persegue os discipulos de Santiago, Teodoro e Atanasio, cando trasladaban os restos do apostolo para darlle descanso en Compostela. Cando estes últimos conseguen cruzar a ponte, esta derrúbase milagrosamente deixando atrás ó soldado romano que os persegue.





A CAPELA E O PAZO



Ó pasar a ponte dende a ribeira de Ames cara a de Negreira, o primeiro que se cruza na nosa vista é a capela de San Brais e, máis á dereita, o pazo de Baladrón.


O pazo de Baladrón é de construcción recente, da segunda metade do século pasado, mais está perfectamente integrado na paisaxe enxebre de horreos e pombais que o rodea. É lugar de vacacións de actores e famosos, que nalgúns casos se deixan ver polo campo da festa o día do santo do lugar. De feito, o pasado ano foi escenario dunha película de Antonio Hernandez. O filme en cuestión é "El Menor de los Males", película que vale a pena vela, magnifica interpretación de Carmen Maura, salpicada con pingas de humor ácedo.









viernes, 13 de noviembre de 2009

Benvida

Dámosvos a benvida a un espazo virtual onde poderedes encontrar, entre outras cousas, recunchos con encato onde pasar momentos de ocio. As veces pasan desapercibidos lugares que están aquí ó lado, marabillas naturais ou construidas polo home que merecen unha visita. É labor noso dar a coñecer algunhas destas marabillas para que poidan ser, alomenos virtualmente, visitadas por vós.